Hoxe queremos que vexades como é un venres na clase dos Cocolocos. Moitas rutinas e traballo pero tamén hai tempo para pasalo ben. Mirade!
A encargada de hoxe foi Hiba, o primeiro que ten que facer é poñer o calendario ao día, recordar a estación na que estamos e tamén revisar a información sobre o tempo meteorolóxico. Por último actualiza o horario de materias que toca.
O seguinte é repartir os estoxos. Temos unhas caixas nas que os gardamos e cada día un encargad@ de cada equipo as leva a mesa e despois as recolle.
Toca empezar a traballar! Sempre comezamos con matemáticas. Abrimos moito os ollos e as orellas e pechamos a boca porque a mestra ten que explicar. Hai que concentrarse moito porque as veces a cousa ponse difícil.
A segunda hora toca Inglés. A teacher Lucía é moi boa e trae actividades do máis divertido. Despois volta ao traballo duro xa que toca Ciencias Sociais; agora estamos a repasar o Tema 1 sobre A Paisaxe, non é doado recordar todo o que aprendimos, tipos de paisaxes, elementos, partes do río... pero traballamos moito para conseguilo.
En canto rematamos as tarefas de cada hora a mestra deixanos un pouco de tempo libre mentres van rematando todos. Puxo un rincón con todo ben organizado.
Por fin chega a hora do recreo. A xogar!!
Despois do recreo temos Educación Física, está claro que é a nosa asignatura favorita, pero non llo podemos dicir a mestra, ela cree que a favorita é Mate.
A última toca Lingua Galega pero seica pode ser bastante espesa para rematar a semana, polo que a mestra decidiu que esa hora nos de clase Songoku porque cando ela era pequena aprendía galego vendo Bola de Dragón... xa me contarás! (Mirade que atentos estamos tod@s)
Antes de despedirnos, revisamos as estrelas que conseguimos conservar ao longo da semana e, en función das que teñamos, tócanos unha ou outra recompensa.
Agora xa nos podemos despedir deica o luns. Imos desfrutar da fin de semana que ben merecido o temos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario